Xogos e deportes

balonmán

Xogos e deportes

O balonmán é un deporte que até non hai moito tempo, non se ensinaba nin se practicaba de maneira cotiá nos centros de ensino de secundaria. Nembargante ten unha serie de características que o converte nun deporte colectivo altamente interesante para esta etapa de educación secundaria, onde o recoñecemento das calidades individuais e a identificación co grupo é moi importante.

Balonmán

Quero destacar algunhas desas características, que eu mesma fun redescubrindo desde a primeira vez que introducín este deporte nas miñas clases ata hoxe:

  • é un deporte colectivo que non precisa dun elevado coñecemento da técnica para unha práctica elemental,
  • é moi dinámico polo que supón unha grande implicación e esforzo por parte do alumnado,
  • contribúe a un desenrolo das calidades físicas básicas e das habilidades motrices,
  • o contacto físico está permitido pero regulamentado, o que esixe un comportamento deportivo para que o xogo se desenvolva con fluidez e sen problemas,
  • valores como o respecto (ás normas, aos contrarios, ás calidades de cada un), a honestidade (recoñecer cando se comete unha infracción ou mellor, procurar non facela), o esforzo (traballar para que o equipo funcione ben), a xenerosidade (intentar que todos os membros do equipo participen activamente no xogo), o traballo en equipo (poñer as habilidades e destrezas persoais ao servizo do equipo) están presentes cando se traballa este deporte.

De seguido atoparedes arquivos sobre o regulamento de balonmán, probas teóricas que podedes facer ao voso alumando cos seus correspondentes solucionarios, modelos de actas adaptadas para que se convertan en modelos de observación dos partidos de balonmán e que non so reflicten o resultado e tamén enlaces a diversos materiais que atopei en internet e que poden ser de utilidade na nosa práctica educativa (unidades didácticas, páxinas oficiais das federacións galega e española de balonmán, etc...).

Espero que gocedes deste deporte co voso alumnado, tanto como o fago.

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org).

bádminton

Xogos e deportes

BádmintonNon creo que descubra nada novo se afirmo que o bádminton, nas súas modalidades de individual masculino e feminino, dobres e mixto é un dos deportes que mellor acollida ten entre o noso alumnado.

O seus regulamentos e exames teóricos nas modalidades antes indicadas aparecen nos arquivos adxuntos, que podes descargar e/ou modificar segundo o nivel das alumnas e alumnos e/ou os obxectivos que cada profesor e profesora teña marcados na súa programación.

Tamén inclúo os solucionarios de cada exame e dous modelos de actas para partidos de individuais e dobres, que poden resultar útiles para organizar torneos dentro de cada clase ou ben en todo o centro.

Deixo a criterio de cada profesor e profesora a elección de cada modalidade segundo o nivel. No meu caso concreto, como podedes ver na programación, no primeiro ciclo de secundaria introduzo os deportes de raqueta, para en 3º traballar especificamente o bádminton individual feminino e masculino e en 4º o bádminton de dobres e mixto. O regulamento de dobres pode resultar un pouco difícil de entender para o alumnado, pero penso que co exemplo que aparece desenvolto no regulamento vai ser doado de entender, ou iso é o que teño comprobado na práctica.

Para rematar, inclúo enlaces a páxinas web que a min me parecen de interese para nós, como docentes, onde se poden atopar desde os regulamentos completos, pasando por exercicios de estiramento específicos para o bádminton ou sesións para ir desenvolvendo nas horas de clase ou nas escolas de bádminton.

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org).

deportes

Xogos e deportes

Aros olímpicosNo Deseño Curricular Base de Educación Física para o Ensino Secundario, os deportes están incluídos no bloque de habilidades específicas. Se ben en 1º e 2º son habilidades máis xerais e máis baseadas nos xogos, en 3º e 4º xa se introducen deportes con regulamentos específicos, aínda que sempre se poidan adaptar ás características de cada grupo e centro. 

 As limitacións de espazo, número de alumnas e alumnos por grupo, materiais necesarios... son elementos que temos que ter moi presentes á hora de introducir determinados deportes na escola para que as clases de educación física sexan motivadoras de cara a que as nosas alumnas e os nosos alumnos se interesen pola actividade física e poidan descubrir actividades físicas que non aparecen habitualmente nos medios de comunicación ou que non están tan valoradas socialmente.

En este apartado de “deportes” están os máis coñecidos como o baloncesto, o voleibol ou o balonmán e outros que non o son tanto como o bádminton, o tenis de mesa, o minihóquey ou a indiaka.

Cada deporte está incluído na programación nun curso determinado da ESO segundo o meu criterio persoal, pero podería adaptarse a outros cursos tan só con introducir sesións máis ou menos intensas, maior ou menor extensión e/ou complexidade nos regulamentos, ou ben probas teóricas e/ou prácticas máis ou menos complicadas.

A área de Educación Física sempre estivo e continua a estar, aberta a introducir novos deportes que sirvan para lograr os obxectivos marcados nesta importante etapa que abrangue o ensino secundario, polo que irán aparecendo novos deportes na medida en que os vaia traballando nas sesións e a súa avaliación sexa positiva, é dicir, que sirvan para acadar os obxectivos marcados.

A parte de competición que ten todo deporte deberá estar sempre enfocada no ámbito escolar como unha superación persoal e como un intentar mellorar continuamente, ben individual ou grupalmente. Se esa mellora e traballo constante leva a gañar unhas veces e perder outras, non ten máis importancia que poder reflexionar sobre as calidades e o traballo de cada un ou de cada grupo, sendo iso o que realmente se valora. Deste xeito penso que os alumnos e alumnas se ven recompensados polo proceso e non polo resultado final e anímanse a participar, é dicir, a facer exercicio físico, que é o que realmente interesa de cara a que o podan facer autonomamente cando xa non estean baixo a nosa tutela, e que decidan por si mesmos que deporte ou actividade física se adapta mellor ás súas capacidades e gustos e tamén ás posibilidades que lle ofrece o entorno.

Este sería o obxectivo final: formar persoas autónomas na súa aprendizaxe e con capacidade para decidir sobre que facer segundo os recursos persoais e ambientais

Fonte XML