logo
Publicado en maniotas (http://maniotas.cesga.es)

tenis de mesa

Por cgf
Creado en 07/04/2006 - 12:09

Tenis de mesa

Cada vez máis os centros de ensino dispoñemos de material axeitado para a práctica de máis deportes.

Este é o caso do tenis de mesa. O material necesario non é barato e hai que ter un sitio onde poder gardar as mesas, pero se levamos varios cursos no mesmo centro de ensino e tamén se asume este deporte como unha actividade complementaria, que se pode xogar nos recreos e en torneos internos, ao cabo duns anos poderemos contar con material suficiente para a súa práctica nas clases de Educación Física.

O tenis de mesa ou ping-pong é un deporte que require habilidade e estratexia, un alto control do esquema corporal e doutras cualidades como a observación do contrario, a colocación con respecto á mesa de xogo, a forza, as dimensións do campo, etc.

Se falamos da modalidade de dobres entramos xa nos temas transversais presentes en todo currículum e tamén en Educación Física, como poden ser a coordenación entre a parella de xogo, o recoñecemento das cualidades de cada un e o uso delas para ter o mellor resultado posible no xogo, a aprendizaxe que supón gañar unhas veces e perder outras pero sempre esforzándose ao máximo...

Moitos dos nosos alumnos e alumnas que se inician nas nosas aulas neste deporte pensan ao principio que é "aburrido" e que non se teñen prácticamente que mover para darlle á pelota coa raqueta. Cando rematan a unidade didáctica e se lles propón participar nun torneo interno, ou se lles ofrece a posibilidade de xogar nos recreos, mudan a súa opinión e descubren que é un deporte divertido no que hai que moverse e ter un alto grao de coordenación.

Eu disfruto moito co tenis de mesa e é un deporte que traballo todos os cursos do ensino secundario obrigatorio, rematando en 4º de ESO  coa modalidade de dobres e penso que ao alumnado gústalle practicalo.

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org [1]).


Fonte URL:
http://maniotas.cesga.es/node/93