baloncesto 3x3

Xogos e deportes

Baloncesto 3x3O baloncesto 3x3 (dous equipos de 3 xogadores /as cada un) é unha variante do baloncesto tradicional (5x5 ou cinco xogadores contra cinco xogadores) e que tivo e ten moita aceptación entre o alumnado.

Cando recibín a primeira carta da Federación Española de Baloncesto (FEB), xa hai uns anos, presentando esta modalidade de baloncesto, pareceume que podería introducila nas miñas clases, dentro da Unidade Didáctica de baloncesto de cara a cumplir varios obxectivos:

  • favorecer a participación no xogo de todos os membros do equipo, xa que na cancha hai 3 xogadores por cada equipo;
  • primar a adquisición de habilidades básicas como botar, tirar, pasar, fintar, driblar...posto que se xoga só en media cancha;
  • introducir ao alumnado no regulamento básico de baloncesto como pasos, dobres, zona, faltas persoais...
  • desenvolver un xogo limpo, con coñecemento e respecto ás normas, tendo en conta que son os propios xogadores os que teñen que indicar as infraccións ao regulamento;
  • optimizar o espazo que temos nos ximnasios e/ou na/s cancha/s exterior/es posto que poden xogar á vez dous equipos en cada canastra.

A todo o anterior hai que engadir que a FEB ofertaba poder participar nun encontro de equipos de baloncesto 3x3, por categorías, e a entrega gratuita de material de apoio para as clases. Este material inclúe balóns, redes portabalóns, marcadores, fichas con exercicios e un video de presentación tendo como protagonistas aos xogadores da Selección Española de Baloncesto. Tamén na páxina web da FEB creouse unha sección adicada ás novas sobre esta modalidade escolar do baloncesto, o cal servía de axuda e tamén animaba ao alumnado a empregar as novas tecnoloxías no ámbito da Educación Física.

No meu instituto participamos todos os anos neste torneo amistoso e, previamente, traballamos o deporte nas clases e organizamos un torneo interno por categorías, o que facilitou a participación de gran parte do alumnado.

De seguido facilito o material elaborado por min tendo como apoio o enviado desde a FEB e que espero vos sirva de axuda se queredes traballar esta modalidade de baloncesto co voso alumnado.

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org).