logo
Publicado en maniotas (http://maniotas.cesga.es)

deportes

Por cgf
Creado en 20/02/2006 - 12:36

Aros olímpicosNo Deseño Curricular Base de Educación Física para o Ensino Secundario, os deportes están incluídos no bloque de habilidades específicas. Se ben en 1º e 2º son habilidades máis xerais e máis baseadas nos xogos, en 3º e 4º xa se introducen deportes con regulamentos específicos, aínda que sempre se poidan adaptar ás características de cada grupo e centro. 

 As limitacións de espazo, número de alumnas e alumnos por grupo, materiais necesarios... son elementos que temos que ter moi presentes á hora de introducir determinados deportes na escola para que as clases de educación física sexan motivadoras de cara a que as nosas alumnas e os nosos alumnos se interesen pola actividade física e poidan descubrir actividades físicas que non aparecen habitualmente nos medios de comunicación ou que non están tan valoradas socialmente.

En este apartado de “deportes” están os máis coñecidos como o baloncesto, o voleibol ou o balonmán e outros que non o son tanto como o bádminton, o tenis de mesa, o minihóquey ou a indiaka.

Cada deporte está incluído na programación nun curso determinado da ESO segundo o meu criterio persoal, pero podería adaptarse a outros cursos tan só con introducir sesións máis ou menos intensas, maior ou menor extensión e/ou complexidade nos regulamentos, ou ben probas teóricas e/ou prácticas máis ou menos complicadas.

A área de Educación Física sempre estivo e continua a estar, aberta a introducir novos deportes que sirvan para lograr os obxectivos marcados nesta importante etapa que abrangue o ensino secundario, polo que irán aparecendo novos deportes na medida en que os vaia traballando nas sesións e a súa avaliación sexa positiva, é dicir, que sirvan para acadar os obxectivos marcados.

A parte de competición que ten todo deporte deberá estar sempre enfocada no ámbito escolar como unha superación persoal e como un intentar mellorar continuamente, ben individual ou grupalmente. Se esa mellora e traballo constante leva a gañar unhas veces e perder outras, non ten máis importancia que poder reflexionar sobre as calidades e o traballo de cada un ou de cada grupo, sendo iso o que realmente se valora. Deste xeito penso que os alumnos e alumnas se ven recompensados polo proceso e non polo resultado final e anímanse a participar, é dicir, a facer exercicio físico, que é o que realmente interesa de cara a que o podan facer autonomamente cando xa non estean baixo a nosa tutela, e que decidan por si mesmos que deporte ou actividade física se adapta mellor ás súas capacidades e gustos e tamén ás posibilidades que lle ofrece o entorno.

Este sería o obxectivo final: formar persoas autónomas na súa aprendizaxe e con capacidade para decidir sobre que facer segundo os recursos persoais e ambientais


Fonte URL:
http://maniotas.cesga.es/node/29