logo
Publicado en maniotas (http://maniotas.cesga.es)

Currículum

Por cgf
Creado en 02/02/2006 - 20:50

CarmenNacín un 20 de decembro de 1965, nun pobo chamado Los Fornos, que pertence á zona mineira de Sama de Langreo, en Asturias, moi perto do pozo "Mª Luisa", aquel ao que canta Victor Manuel. Cando tiña tres anos e por motivos laborais, a miña familia trasladouse a Xixón.

Fixen os meus estudos de EXB, BUP e COU en Xixón. Nesta etapa tiven o meu primeiro contacto co mundo da actividade física e o deporte, da man do meu profesor de Educación Física no colexio, que tamén era o meu entrenador de baloncesto, actividade extraescolar organizada pola APA. Tamén obtiven o título de entrenadora de baloncesto e de auxiliar de mesa, e os fins de semana discurrían entre partidos nos que eu era xogadora, outros nos que tiña que anotar e outros nos que era a entrenadora.

Ao rematar COU, trasladeime á Universidade de Santiago de Compostela, onde me licenciei no ano 1989 en Pedagoxía na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación. Durante estes anos, tiven que deixar a práctica profesional do baloncesto, pero fixen outros deportes como o tenis e a natación, e seguín xogando "pachangas" de baloncesto cos amigos, xa que os tres primeiros anos vivín no colexio maior Fonseca, en pleno campus universitario.

Ao rematar a miña licenciatura, e namentres facía os estudos de doutoramento, a tesiña e impartía clases aos futuros profesores no Curso de Adaptación Pedagóxica (CAP), decidín preparar as oposicións para ensino secundario pola especialidade de Educación Física e aprobei en xullo de 1991.

En setembro dese mesmo ano tiven ao meu primeiro fillo, e dous anos depois ao segundo. Non é un capricho que faga esta referencia que pode parecer máis propia da miña vida persoal que profesional, pero creo que a experiencia única e compartida de educar aos fillos axuda a ver o papel de ser profesora dun xeito global, non só como transmisora de contidos, se non e fundamentalmente como educadora.

Desde o curso 1991-2000, estiven de profesora en distintos lugares, centros e niveis educativos, desde Santiago de Compostela, pasando por Rianxo e Noia, ata Brión destiño no que estou desde o curso 1999-2000 e vila na que resido dende hai xa nove anos. Foron anos de cambios profundos no ensino, coa experimentación primerio e  a entrada en vigor despois, do novo ordeamento do sistema educativo o que repercutíu na miña práctica educativa.

Podo dicir sen temor a equivocarme e botando a vista atrás, que cando aprobei as oposicións pasoume como cando saquei o carnet de conducir: agora que teño o carnet, o que necesito é conducir para aprender de verdade. A miña formación pedagóxica era extensa, pero agora necesitaba ir profundizando na visión panorámica que tiña dos contidos propios da asignatura de Educación Física grazas ao tempo adicado á preparación das oposicións e á miña práctica deportiva durante anos. Son moitos os cursos de formación que fun realizando ao longo destes anos de profesión e moito o que aprendín do traballo cooperativo coas compañeiras e compañeiros que tiven nos Seminarios de Educación Física dos distintos centros polos que fun pasando, e tamén das miñas alumnas e alumnos.

Se queres unha visión máis extensa e formal do meu curriculum, podes pinchar no arquivo adxunto.

AdxuntoTamaño
curriculum.pdf [1]51.3 KB

Fonte URL:
http://maniotas.cesga.es/node/27