avaliación

Avaliación" A escola ten que aprender. A escola desexa aprender e supoñamos que, incluso, o intenta. Pero, como saber se o consigue? É necesario un proceso de análise que facilite a comprensión e que, a través dela, conduza á mellora... Defendo un tipo de avaliación que faga posible o coñecemento valorativo do que suceda na escola. Non me interesan outros tipos de avaliación encamiñados á medición, á comparación, á clasificación... Estou a falar dunha avaliación que ten en conta todos os elementos que integran a escola" (SANTOS GUERRA, 2002, Páx. 114-115).

Estando totalmente de acordo co catedrático de Didáctica  e Organización Escolar da Universidade de Málaga, Miguel Angel Santos Guerra, parece que a pregunta que nos poderíamos facer é que instrumentos poderíamos empregar para que a avaliación sexa un instrumento máis do proceso educativo que nos axude a aprender e a mellorar a nosa práctica educativa.

Moitas veces os instrumentos de recolleita de información son sinxelos e necesariamente variados (cuestionarios, entrevistas, gravacións...) e será a análise do seu contido a que nos leve a tomar decisións con respecto á nosa práctica docente de cara a que a escola "aprenda" e favoreza a educación integral do noso alumnado. Cada vez menos o papel do profesorado é un papel de transmitir coñecementos e moito menos de clasificar ao alumnado ao remate do curso cun baremo que vai desde 0 ata 10 e cada vez máis é un papel de educar e de facelo respontando non só a canto aprenderon os alumnos e alumnas se non como se formaron e se desenvolveron como persoas.

Desde o ámbito da Educación Física, ofrezo estes cuestionarios de avaliación inicial e de autoavaliación do alumnado, que favorecen a participación do alumnado neste labor de avaliación da práctica docente, obrigatoria por lei e necesaria para a mellora profesional pero moi poucas veces levada a cabo e, moito menos, dun xeito sistemático.

Espero que vaiamos implementando o número e a variedade de instrumentos de avaliación, sen perder nunca de vista cal é a súa función e o moitos que nós, como profesionais, gañamos de cara a que a nosa práctica docente axude a ese desenvolvemento como persoas do noso alumnado.

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org).