logo
Publicado en maniotas (http://maniotas.cesga.es)

floorball

Por cgf
Creado en 27/04/2006 - 09:17

FloorballCorría o ano 1995, xa hai máis de 10 anos, e empezaba o meu cuarto curso como profesora de Educación Física. Concursei e fun con destino definitivo para o IES de Noia, actualmente chamado IES "Campo de San Alberte". Alí tiven de compañeiro de seminario a Chus que acababa de aprobar as oposicións e estaba de funcionario en prácticas. Foi el quen me introducíu no floorball como deporte alternativo, e foi neste instituto onde adquirín o primeiro equipamento para que o alumnado poidera practicar este motivador deporte.

Posteriormente tamén introducín o floorball no IES Compostela e no IES de Esparís, onde ten moita aceptación entre o alumnado.

Quizáis o que diferenza este deporte colectivo de outros é que ao ser novedoso e non existir clubes ou asociacións que practiquen en exclusiva este deporte, parece que todos os alumnos e alumnas parten do mesmo punto para a súa aprendizaxe, e ademáis é un deporte onde se integran perfectamente as chicas e os chicos.

Alguén pode pensar que, debido ao material que se usa, pode ser un deporte perigoso. Certamente toda actividade física e especialmente todo deporte e sobre todo se é de equipo e de oposición, leva consigo un risco...especialmente se non se respetan as normas e se o material e/ou as instalacións non están en bo estado. O feito de que se comproben os bastóns cada vez que se empeza a actividade de floorball e que se respeten as normas e que se poidan usar proteccións no caso dos/as porteiros/as (ou ben xoguen con bastón, que é o que fago eu habitualmente) fai que o floorball sexa un deporte seguro, ainda que sempre pode haber algún accidente.

Nos anos que levo traballando o floorball co alumnado nas clases de Educación Física, vexo que a motivación e o nivel de traballo e de esforzo son moi altos. Resulta un deporte perfectamente válido para traballar a condición física, fundamentalmente a resistencia e a velocidade. A técnica específica do floorball non se pode traballar demasiado debido ao número reducido de sesións e da táctica vaise falando sobre a marcha, porque o número de xogadores/as por equipo é reducido e a velocidade do xogo fai que todos teñan que atacar e todos teñan que defender, ainda que xa entre eles van distribuíndo algúns roles (de feito sempre hai quen se queda máis atrás, para defender e quen prefire ir sempre a atacar).

Nesta páxina sobre floorball atoparedes unha proposta de regulamento que segue en moitas cousas o regulamento da Asociación Española de Floorball ou Unihockey, pero que se pode adaptar segundo as instalacións, se se xoga nun espazo cuberto ou non, con ou sen patíns, número de xogadores/as por equipo, etc. e tamén atoparedes probas teóricas e prácticas, videos informativos sobre este deporte e enlaces de interese onde poderedes ver sesións específicas con exercicios e circuitos a realizar nas clases de Educación Física.

Espero que, se non tedes traballado o floorball nas vosas clases, vos animedes a facelo sabendo que, para que os alumnos e as alumnas disfruten deste deporte como de calquera outro, deben respetar as normas, xogar en equipo e intentar esforzarse o máximo posible. Pódovos asegurar que vos pedirán curso tras curso poder practicar o floorball nas clases, que se organicen torneos nos recreos ou que haxa un espazo para poder practicalo. E, como sabedes, o interese e a motivación do alumnado sempre hai que aproveitalo, non opinades o mesmo?

(Nota: A extensión .odt dos arquivos adxuntos ábrese co programa OpenOffice, unha suite ofimática libre e gratuita. Se non o tés, podes descargalo gratuitamente en es.openoffice.org [1]).


Fonte URL:
http://maniotas.cesga.es/node/108