Sitio adicado aos recursos teóricos e prácticos necesarios para o desenvolvemento do currículum da materia de Educación Física na secundaria obrigatoria

benvida

Benvidos a maniotas

ManiotasOla colegas, profesores e profesoras da materia de Educación Física e todas aquelas persoas interesadas no ensino e na aprendizaxe da Educación Física, fundamentalmente no nivel de Secundaria.

Esta páxina ve a luz grazas a unha licenza de estudos concedida pola Consellería de Educación entre o 15 de xaneiro e o 15 de maio de 2006, pero a súa xestación iniciouse no mesmo momento en que aprobei as oposicións de Educación Física para ensino secundario, en xullo de 1991. Aínda eu non o sabía, nin os ordenadores estaban introducidos nas aulas como o empezan a estar agora, nin case se escoitaba falar de internet.

Pouco a pouco, ano a ano, e segundo as necesidades de introducir contidos en galego, adaptados aos alumnos e alumnas que tiña nas aulas e ao seu entorno, e tamén actividades ou instrumentos de avaliación, fun elaborando apuntamentos, sesións, probas, traballos, saídas, información... que foron engrosando o disco duro do meu ordenador. Fixen todos estes materiais despois de revisar bibliografía, adaptar traballos doutras compañeiras e compañeiros, realizar cursos de formación ofertados desde a administración, os sindicatos e outras entidades públicas ou privadas e, nos últimos anos, buscando información na rede.

A Educación Física no ensino secundario non pode dar as costas ás novas tecnoloxías, e penso que o dispor de información e ferramentas de traballo doadamente disponíbeis e dun uso sinxelo, pode colaborar a que nós e as nosas alumnas e alumnos non só se movan e coñezan distintos deportes ou actividades físicas, senón que tamén entendan e pensen sobre o que están facendo e de que xeito o que fan lles axuda a mellorar a súa calidade de vida.

Xa cando era estudante, reflexionando en "abstracto" sobre os procesos de ensino-aprendizaxe, e despois cando cheguei a ser ensinante, atopeime con distintas formas de ver este proceso de ensino-aprendizaxe: "o importante é que as alumnas e os alumnos fagan, que sexan activos, aínda que non reflexionen sobre o que fan", era unha das posturas máis defendidas como motivadora do interese do alumnado por aprender; outra postura defendía que os alumnos teñen que saber en todo momento o por que do que están facendo, posto que, aínda que poida resultar máis aburrido, a longo prazo o resultado sería mellor.

Precisamente co auxe das novas tecnoloxías, especialmente internet, o profesorado, e con el os nosos alumnos e alumnas, dispoñemos dun medio áxil e rápido de obtención de información sobre os máis diversos aspectos. Esta información é moi extensa e non está seleccionada para acadar os obxectivos da etapa educativa na que estamos a traballar. Nós debemos ir por diante e ir  marcando os roteiros a seguir polo noso alumnado. Non podemos nin debemos quedarnos atrás neste mundo da información que moitos interpretan como o noso inimigo, e eu penso que é o noso aliado no noso labor educativo.

A Educación Física está a ser unha asignatura pioneira na introducción de métodos de ensino-aprendizaxe activos, pola súa propia definición, obxectivos e contidos. A motivación do alumnado, a súa participación activa nas clases, o traballo en grupo, as actividades no contorno natural máis próximo ou máis afastado, tanto dentro como fóra do horario lectivo, a posibilidade de elixir contidos nun amplo curriculum aberto, as clases realizadas fóra do ximnasio á vista do resto da comunidade educativa, o protagonismo das actividades deportivas no tempo de lecer do alumnado, a organización de competicións deportivas e festas... Son características dunha escola aberta ao seu contorno e a valores dunha sociedade que necesita persoas preparadas para o traballo en equipo, solidarias, participativas, con iniciativas e con capacidade para levalas adiante, onde o traballo persoal é imprescindible para que o resultado final colectivo sexa un éxito, e non se entenda como unha loita duns contra outros para obter mellor cualificación.

Esta páxina quere poñer a disposición do profesorado e alumnado elementos estruturados para o ensino e a aprendizaxe da Educación Física na etapa de secundaria, elaborados nun contexto determinado, pero coa posibilidade de que cada docente os adapte á súa propia práctica e, se quere, colabore no desenvolvemento continuo e imparable deste proxecto.

Espero que disfrutedes con este traballo, vos sexa de utilidade e nos axude a mellorar a nosa vida laboral adaptándoa aos novos tempos e valores que nos toca vivir.